Sunday 12 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño destinará case 67.000 euros a renovar e cubrir o parque de xogos do colexio público


Hai escasos días publicouse na plataforma de contratación co sector público a licitación das obras coas que o Concello de San Sadurniño vai renovar o espazo de xogos do colexio público. Basicamente faranse dúas cousas: por unha banda restaurarase a superficie e máis o mobiliario infantil e, por outra, instalarase unha cuberta en todo o espazo, coa finalidade de que poida ser empregado tamén nos días de chuvia. Ademais tamén se mellorará a accesibilidade desde a rúa lateral -a que leva á entrada do pavillón- e permitirase o uso das instalacións fóra do horario lectivo. O investimento está orzamentado en 66.852,88 euros, ive incluído, e conta cunha achega de 40.000 euros procedentes da liña de axudas para equipamento municipal convocada pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia. As empresas interesadas teñen ata as 23:59h do día 22 de xuño para presentar as súas ofertas por vía electrónica.

Tal e como se detalla na documentación técnica dispoñible na plataforma de contratación, a obra comezará coa desmontaxe dos xogos infantís para a súa restauración, así como a retirada da protección de caucho e do peche perimetral de madeira. Incluso será necesario desarmar a estrutura que cobre parte do parque e trasplantar tres árbores que, de non sacarse de alí, impedirían a ampliación do espazo ao abrigo.

A adxudicataria deberá, seguidamente, preparar unha nova superficie de cemento que se cubrirá outra vez cunha lámina acolchada. Sobre dela disporanse os xogos unha vez reparados, así como as ancoraxes da cuberta metálica, construída en aceiro e chapa galvanizada, que irá acristalada pola marxe sur cun material similar ao metacrilato para deixar pasar a luz e tornar os temporais de auga e vento.

O novo recinto cuberto terá algo máis de 26 metros de longo por 7,25 de ancho e uns 3,20 de altura. Sitio máis que dabondo para que a rapazada máis pequena poida brincar no exterior aínda que vaia mal tempo.

Porén, alén de supor unha mellora para a comunidade educativa, a obra tamén beneficiará ao resto da veciñanza. Neste sentido habilitarase un acceso permanente desde a rúa lateral e construirase unha rampa específica para carriños e persoas con mobilidade reducida, de maneira que o parque será de uso libre fóra do horario lectivo.

O alcalde en funcións, Secundino García, destacou que este investimento “era unha demanda do centro e das nais e pais” que, segundo asegurou, “permitirá que as nenas e nenos poidan gozar de aire fresco tamén no inverno e en días de mal tempo, ademais de mellorar as condicións para o desenvolvemento de xogos e outras actividades fóra das aulas de Infantil”.

As obras están orzamentadas en 66.852,88 euros, impostos incluídos, e cofinanciaranse cunha axuda autonómica de 40.000 euros. Malia recoñecer que se trata dunha “inxección económica importante”, Secundino García reiterou a histórica demanda municipal de que a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade “asuma os custes de mantemento e as melloras dos equipamentos educativos, que neste momento estamos soportando os concellos nunha parte importante a pesar de non ser unha competencia municipal”.

A licitación pública aberta polo consistorio dá de prazo ata as 23:59h do próximo 22 de xuño para que as empresas do sector rexistren por vía electrónica as súas ofertas técnicas e económicas. A intención municipal é que as obras poidan desenvolverse aproveitando as vacacións do verán.